Eixo Atlántico e CES-Galicia impulsarán un gran movemento social en defensa do corredor atlántico
Pestanas principais
Responsables de ambas entidades celebran unha primeira toma de contacto en Santiago co fin de fomentar apoios para a priorización da infraestrutura
Coa idea de unificar criterios e unir vontades, responsables do Eixo Atlántico mantiveron unha xuntanza co presidente do Consello Económico e Social de Galicia para impulsar un gran movemento social e coordinar iniciativas conxuntas en defensa do corredor atlántico. Na reunión, a vicepresidenta do Eixo Atlántico e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o secretario xeral da organización, Xoán Vázquez Mao, comentaron co presidente do organismo consultivo, Agustín Fernández, a necesidade de manter un esforzo decidido, cohesionado e unánime para garantir o futuro dunha infraestrutura de vital importancia para o territorio do noroeste peninsular.
A reunión, celebrada na sede do CES en Santiago, foi unha primeira toma de contacto entre estes organismos para impulsar un movemento amplo, mesmo unánime, de axentes socioeconómicos, institucións e administracións para reclamar a priorización da execución do corredor atlántico. Ambos os dous organismos entenden que, alén de colores políticos ou intereses parciais, é o momento de acadar o maior número de adhesións a calquera iniciativa que sirva para impulsar o corredor atlántico, desde a máxima unidade. Neste senso, o Eixo Atlántico representa aos concellos do noroeste peninsular, tanto en Galicia como en Portugal, mentres que no CES están presentes os actores económicos e sociais da sociedade civil. Xuntos amalgaman unha ampla variedade de representación do territorio para o que o corredor atlántico é un eixo vital.
Segundo explicou a vicepresidenta do Eixo, “pretendemos xerar un movemento social de apoio, porque non podemos perder a oportunidade. Queremos reivindicar que o corredor atlántico non pode quedar descolgado da axenda política nin do debate sobre o reparto dos fondos de reestruturación europeos. O noroeste non pode quedar descolgado da cohesión económica e social.” Con ese obxectivo, un dos primerios movementos será solicitar unha reunión co presidente da Xunta de Galicia e remitir senllas cartas ao primeiro ministro luso, ao presidente do Goberno de España e á presidenta da Comisión Europea coas reivindicaciones que se plantexan. “Tamén pretendemos consensuar un manifesto para que poda ser respaldado ao máximo polo tecido económico e social”, adiantou Méndez.
Logo da xuntanza, o presidente do CES-Galicia, Agustín Hernández, salientou que as iniciativas que se plantexan “non pretenden priorizar un corredor a costa ou en detrimento doutros, senon priorizar o Atlántico en base á súa posición estratéxica e potencialidade”. Segundo Hernández, o obxectivo sería que “o desexable impulso ao corredor se acade como un proxecto de país, de territorio, un proxecto por riba dos intereses curtopracistas dun determinado goberno, o que implica unha visión a longo prazo.”
Unha preocupación recurrente
A preocupación polo futuro deste infraestrutura non é unha novidade para o CES. Xa no pasado ano, o organismo consultivo aprobou por unanimidade o seu informe “Galicia na rede básica transeuropea de transporte de mercadorías. Retos estratéxicos de futuro.”, un documento que incluía unha serie de propostas e conclusións.
No mesmo eido, este asunto está tamén a ser obxecto de estudo no marco da Rede Transnacional Atlántica (RTA), unha organización dos CES atlánticos e organismos homólogos de Portugal, España, Francia, Reino Unido e Irlanda, á que pertence o CES-Galicia. Unha das prioridades desta organización e a concreción do corredor atlántico de mercadorías, a súa concreción e o seu impulso e priorización. Porque, se o corredor resulta vital para o territorio polo que está previsto que discurra, tamén é moi importante para o conxunto da Unión Europea en relación con criterios de cohesión e integración dun amplo espazo comunitario.
Este é tamén un asunto de capital importancia para os outros consellos económicos e sociais da “raia”, cos que o CES-Galicia mantén acordos de colaboración para tratar asuntos comúns.
Un xigante que esperta
Para describir a situación na que se atopa este territorio, o secretario xeral do Eixo indicou que “o Atlántico é un xigante que comeza a espertar” e fixo fincapé no traballo de anos que a súa organización ven desenvolvendo na procura destes mecanismos básicos para a vertebración do territorio, tanto no ámbito transfronterizo como mesmo en instancias europeas.









Algalia de Abaixo 24, 15704 Santiago de Compostela (A Coruña)
981 541 650